Un dos obxectivos fundacionais da Fundación Carlos Casares é a de constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal dende criterios de apertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural. Para acadar esta meta poñemos á disposición do público unha colección de contidos culturais audiovisuais que recollen unha selección das actividades realizadas dende o ano 2002 e organizadas pola nosa institución. Esta actividade está subvencionada polo Ministerio de Cultura.
ARQUIVO AUDIOVISUAL DE ACTIVIDADES

- Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares.- Encontro anual de escritores representativos das culturas galega e ibéricas con outras de ámbito internacional, co fin de analizar conxuntamente diversos aspectos relacionados coa literatura, o libro e as industrias culturais relacionadas co mundo da edición.

- Encontros de Mondariz-Balneario.- Xornadas anuais nas que se reflexiona sobre asuntos de actualidade sociopolítica e interese global, coa participación de personalidades e líderes de opinión nacional e internacional de diferentes ideoloxías.

- Foro "Galicia Internacional".- Foro celebrado durante os anos 2009 e 2010, no que se abordou a internacionalización de actividades e negocios de valor engadido (industrias culturais), poñendo o foco de atención nas diversas estratexias seguidas para visibilizar e potenciar ideas apoiadas inicialmente por unha base local.

- Curso Universitario de Comunicación Audiovisual de Celanova.- Curso de verán dirixido anualmente a estudantes da Universidade de Vigo no que se aborda o mundo do audiovisual e a súa relación coa cultura. É o máis importante da comunidade tanto polo número de participantes como pola calidade e diversidade dos mesmos.
- Xornadas Luces e Sombras do Proxecto Ilustrado en España.- Xornadas celebradas en 2009 e 2010 en Ferrol e na Coruña, nas que se avaliou a coherencia do programa reformista da Ilustración en España, e a súa relación coas cidades ilustradas galegas.
