19 / Xaneiro / 2012
A Sección de Literatura do Liceo de Ourense e a Vicerreitoría do Campus de Ourense organizan os días 1, 2 e 3 de febreiro a vixésimo segunda edición dos “Encontros Literarios” baixo o título “Contando historias”.
Nesta ocasión participarán tres especialistas no universo do conto: o escritor José María Merino falará o día 1 de febreiro sobre “O conto como forma de coñecemento”; a profesora Camiño Noia, exporá ao día seguinte o tema ”Do contar da oralidade ás narracións breves de Carlos Casares”, e por último, o día 3 de febreiro, o escritor Antón Riveiro Coello, pechará os Encontros coa conferencia “Contando a HISTORIA. As invencións de Clío”. As tres intervencións sereán ás 20:15 horas na Aula de Cultura do Liceo e a entrada é libre.
Esta actividade, que botou a andar no ano 1990 da man de Carlos Casares, conta co patrocinio da Deputación de Ourense, da Universidade de Vigo e do propio Liceo ourensán, ademais da colaboración da Fundación Carlos Casares a través da súa Cátedra no Campus de Ourense.
Enlace: Programa XXII Encontros Literarios do Liceo de Ourense
18 / Xaneiro / 2012
O pasado día 12 de xaneiro, Valentín García Gómez tomou posesión do cargo de Secretario Xeral de Política Lingüística na sede da Consellería de Cultura, Educación e O. U., diante do seu conselleiro, Xesús Vázquez, do Secretario saínte, Anxo Lorenzo, e dun nutrido grupo de convidados. O novo Secretario Xeral naceu en Abades, Silleda, en 1970, é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Máster en Administración Local pola Universidade de Santiago de Compostela. Ata o seu nomeamento era responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada, posto que viña ocupando dende 1994, á vez que levaba o departamento de Cultura, Normalización Lingüística e Xuventude.
Foi un dos impulsores da Rede de Dinamización Lingüística, intervindo no seu deseño e posta en marcha, encargándose, logo, da súa coordinación técnica. A rede suma actualmente máis de noventa entidades adheridas e xoga un papel importante e novidoso na aplicación da política lingüística do goberno galego. Colaborou tamén na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e formou parte da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega.
Fóra do puro ámbito lingüístico, García Gómez reúne unha variada e ampla experiencia na xestión da cultura, tendo sido secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, da Fundación Cultural da Estrada, da Fundación Castelao e mais do Premio Manuel García Barros, representando ao seu concello na Fundación Antón Losada Diéguez. No eido asociativo, presidiu a Coordinadora Galega de Traballadores/as de Normalización Lingüística.
Entre a súa produción salienta o “Informe-proposta sobre a organización dos servicios lingüisticos” recollido en Xornadas de coordinación de políticas lingüísticas (Fundación Enclave, 2003) e mais A Estrada rural (Deputación de Pontevedra, 2004), reedición revisada, ampliada e actualizada do famoso libro de Manuel Reimóndez Portela.