O venres día 15 pasámolo en Viana do Bolo, no IES Carlos Casares, onde a Fundación estivo representada polo seu vicepresidente, Xavier Casares Mouriño e mais o director xerente, Gustavo Adolfo Garrido.  Acudíamos a unha homenaxe que os profesores e alumnos do centro prepararon para lembrar, dez anos despois do seu pasamento, a quen fora alí profesor en 1969.  A homenaxe consistiu na inauguración dunha pequena exposición ao redor daquel curso académico; a presentación do libro dixital, Vivencias. Viana del Bollo, 1966 a 1972, do profesor Manuel Ramos Castromil (1928-2009) colega de Casares en Viana; a lectura de varios textos, de e sobre Carlos Casares, e mais a interpretación da peza “Lela”, de Castelao, a cargo do grupo de frauta do centro educativo.

Foi un acto sinxelo, cargado de afecto e de emoción, sobre todo cando tomaron a palabra antigos compañeiros de Casares, como Juan Antonio Pinza e Pilar López. Todo funcionou como un reloxo, ou mellor dito como un río, porque unha cousa traía outra con naturalidade, grazas ao condutor do acto, Carlos Ferreiro, subdirector do IES. Luís Fernández López, o director do centro, presidiu a mesa xunto co inspector da zona, José Luís Vázquez Fernández. Tamén estaban presentes na mesa Maribel Gil, a profesora que xunto con María Teresa Araújo pilotou o renomemento do instituto, e Xavier Casares, que recordou a impronta de Viana na memoria do seu irmán, sempre nostálxica, rotundamente separada da mala experiencia do complot argallado contra el, Ramos Castromil e Delia Pintos polo alcalde franquista, que rematou coa marcha de Casares a Bilbao.

Javier Sánchez, Alicia Blanco e mais Rocío Rodríguez foron os encargados de ler a biografía e os textos de Casares, en representacións dos estudantes do centro.