Os II Diálogos Literarios do Gaiás terán lugar os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca de Galicia, da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Coma sempre, esta actividade servirá para que autores, editores, críticos literarios e profesores do ámbito ibérico se poidan concentrar para intercambiar opinións e experiencias sobre o proceso literario e editorial. Coordinados por Román Raña, o fío condutor desta edición especial referirase á década transcurrida no mundo literario tras o falecemento de Carlos Casares, desde a óptica particular dos invitados e a súa obra.

A primeira sesión terá lugar o venres día 1 de maio de 10.30h a 13.30h. Nesta mesa inaugural, titulada “Pensar nas literaturas” participarán Basilio Losada e Marina Mayoral. Basilio Losada (Láncara, 1930) é catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Barcelona. Autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Traduciu máis de 150 libros en sete linguas e recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Traducción en 1991 por Memorial do convento, a Creu de San Jordi, a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, a Ordem do Cruzeiro do Sul (Brasil), a Medalla Castelao… Entre a súa obra destacan O Camiño de Santiago (1992), Ero de Armenteira (1993), La peregrina (2000), traducida ao italiano por Giuseppe Tavani, etc. Amigo íntimo de Carlos Casares, foi o tradutor ao castelán de Ilustrísima, editada por Caralt con prólogo de Gonzalo Torrente Ballester.

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é catedrática de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. Traballou na dirección de diversas coleccións en editoriais e colabora en xornais como La Voz de Galicia. Ten publicados numerosos traballos de investigación e crítica literaria, entre os que se salientan os estudos sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como as análises de poesía e prosa contemporáneas. Escribe en galego e castelán, e algunhas das súas novelas foron traducidas ao alemán, italiano, portugués, polaco ou chinés. Publicou, entre outras, Cándida otra vez (Premio Ámbito Literario, 1979), Al otro lado (Premio Novelas y Cuentos, 1980), Plantar un árbol (Premio Gabriel Sijé, 1981), Chamábase Luís (Premio Losada Diéguez, 1989), Recóndita armonía (1994), Ao pé do magnolio (2004), Deseos (2011)… A súa amizade con Carlos Casares vese reflectida en diversos textos da obra xornalística do escritor ourensán.