O pasado luns 5 de marzo iniciouse a Semana de homenaxe a Carlos Casares en Xinzo de Limia coa inauguración da exposición “Os mundos de Carlos Casares”, con pezas do autor ourensán, algunhas inéditas e específicas de Xinzo de Limia. Esta exposición, que permanecerá toda a semana na Casa da Cultura da vila está acompañada por outra exposición titulada “Artigos de Á Marxe”, cunha escolma de literatura xornalística relacionada con Xinzo de Limia.

Neste acto estiveron presentes Xavier Casares, vicepresidente da Fundación Carlos Casares, quen dirixiu unhas palabras de lembranza ao seu irmán e de agradecemento ao Concello de Xinzo de Limia por organizar esta semana de homenaxe. Por outra parte, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, realizou un breve e fermoso discurso ante os presentes, na súa meirande parte veciños e membros do goberno local. Tamén falaron o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez Rodríguez e o concelleiro de cultura, Carlos Gómez Salgado, que subliñaron a importancia da figura de Carlos Casares para Xinzo de Limia, con signos de cariño e recoñecemento como a dedicación dunha praza diante da Casa de Cultura e o nome dun centro de ensinanza público na vila. O grupo tradicional “Segrel” de Xinzo de Limia puxo a nota musical á inauguración.

No serán do luns desenvolveuse a Feira do Libro Limián, con boa acollida e venda de libros tanto de Carlos Casares como de autores limiaos. Ás 20.30 horas iniciouse o acto de lectura pública de Vento ferido, a primeira obra narrativa de Carlos Casares. A participación dos veciños foi masiva, tanto escoitando como participando activamente na lectura da obra. O acto finalizou coa coral “Antioquia” de Xinzo de Limia, que interpretou tres pezas para o deleite dos asistentes.

O martes día 6 de marzo foi un día dedicado á faceta da literatura infantil de Carlos Casares, con actividades como a teatralización do conto A galiña azul por parte do grupo infantil de teatro ANEIS da Escola Municipal de Teatro de Xinzo de Limia, cunha acollida e resposta por parte do público moi positiva. Abriron e pecharon o acto teatral varios alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia, que interpretaron varias e recoñecidas pezas galegas.

O mécores día 7 de marzo, Gustavo A. Garrido, director da Fundación Carlos Casares, presentou as actividades da Fundación como acto previo ao faladoiro-“tertulia” público titulado “Carlos Casares, amigo e veciño”, que contou coa participación de Edelmiro Martínez, Isauro González, Rafael Laso, Ángel Urtiaga e outros amigos de Casares en Xinzo de Limia. O faladoiro foi moderado por Manolo Seoane e contou con numeroso público asistente.