Candido Pazó no Sabor das Letras o pasado 31 de marzo de 2011A sesión de marzo de “O Sabor das Letras” do Café Voltaire, celebrada o último día do mes, correu a cargo de Cándido Pazó, que abordou o tema da comida na literatura oral galega nunha conferencia-espectáculo memorable, baixo o título “O comer e o contar, todo o malo é empezar”, coma sempre no MARCO Restaurante & Café do museo Vigués.

Cándido Pazó (director de escena, actor e guionista vigués) utilizou referencias literarias da obra de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, mais tamén a memoria do seu pai e a súa propia para engarzar unha serie de relatos e contos sobre o pan (pan de millo e pantrigo), a escaseza e o seu reflexo na inventiva popular.

 

O menú, preparado por Alfonso Botas e Pedro Oliveira, recreou coa menor desviación posible, as circunstancias da época: Sopa boba, a base de pan de centeo e de millo (“pan con pan, comida de tontos”); Tortilla de pan, un recurso doce no medio da escasez, ou Caldo de pedra e Guiso de galiña, que ilustraron senllos contos retranqueiros. Non faltou o Ovo cocido, que representou o bocado “de luxo” antes de rematar coas Torradas, sempre de sobremesa.

 

Cándido Pazó nun momento da súa conferencia-espectáculo

Pazó desenvolveu durante case dúas horas un espectáculo teatral onde os fíos do humor, a memoria da infancia e a obra de Neira Vilas conduciron a fantasía dos asistentes ata confluir nun final hilarante que foi moi aplaudido.

Para os que por unha causa ou outra non asistiron á velada, recomendámoslles que acudan o vindeiro 9 de abril ao teatro García Barbón, en Vigo, onde Cándido Pazó presentará o seu espectáculo “Memoria das Memorias dun neno labrego“, un monólogo escénico-narrativo da obra de Neira Vilas no 50 aniversario da súa primeira publicación.