fundacion Carlos Casares

 

 

Tlfs.: 986 225 785 - 986 229 834
Fax: 986 226 312
info@fundacioncarloscasares.org

BUSCA NO NOSO WEB


A Fundación en imaxes

www.flickr.com

NOVIDADES

Marina Mayoral e Basilio Losada nos II Diálogos Literarios do Gaiás

16 / Maio / 2012

Os II Diálogos Literarios do Gaiás terán lugar os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca de Galicia, da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Coma sempre, esta actividade servirá para que autores, editores, críticos literarios e profesores do ámbito ibérico se poidan concentrar para intercambiar opinións e experiencias sobre o proceso literario e editorial. Coordinados por Román Raña, o fío condutor desta edición especial referirase á década transcurrida no mundo literario tras o falecemento de Carlos Casares, desde a óptica particular dos invitados e a súa obra.

A primeira sesión terá lugar o venres día 1 de maio de 10.30h a 13.30h. Nesta mesa inaugural, titulada “Pensar nas literaturas” participarán Basilio Losada e Marina Mayoral. Basilio Losada (Láncara, 1930) é catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Barcelona. Autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Traduciu máis de 150 libros en sete linguas e recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Traducción en 1991 por Memorial do convento, a Creu de San Jordi, a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, a Ordem do Cruzeiro do Sul (Brasil), a Medalla Castelao… Entre a súa obra destacan O Camiño de Santiago (1992), Ero de Armenteira (1993), La peregrina (2000), traducida ao italiano por Giuseppe Tavani, etc. Amigo íntimo de Carlos Casares, foi o tradutor ao castelán de Ilustrísima, editada por Caralt con prólogo de Gonzalo Torrente Ballester.

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é catedrática de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. Traballou na dirección de diversas coleccións en editoriais e colabora en xornais como La Voz de Galicia. Ten publicados numerosos traballos de investigación e crítica literaria, entre os que se salientan os estudos sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como as análises de poesía e prosa contemporáneas. Escribe en galego e castelán, e algunhas das súas novelas foron traducidas ao alemán, italiano, portugués, polaco ou chinés. Publicou, entre outras, Cándida otra vez (Premio Ámbito Literario, 1979), Al otro lado (Premio Novelas y Cuentos, 1980), Plantar un árbol (Premio Gabriel Sijé, 1981), Chamábase Luís (Premio Losada Diéguez, 1989), Recóndita armonía (1994), Ao pé do magnolio (2004), Deseos (2011)… A súa amizade con Carlos Casares vese reflectida en diversos textos da obra xornalística do escritor ourensán.

Arquivo audiovisual de actividades da Fundación

8 / Maio / 2012

A Fundación Carlos Casares leva desenvolvendo a súa actividade cultural dende a súa constitución, en setembro de 2002. Tras case dez anos de incansable labor, queremos poñer á vosa disposición o arquivo audiovisual de actividades da fundación, que iremos incrementando na medida das nosas posibilidades e cos novos proxectos que vaian xurdindo. Case unha década de conferencias sobre unha múltiple miríade de temas, das cales escollemos aquelas que teñen maior relevancia para todas aquelas persoas que visiten o noso web.

A sección de “Actividades” está a piques de ser remodelado para acoller toda esta cantidade de material audiovisual. Ademais, na columna lateral iremos destacando, de forma periódica, os vídeos ou audios máis salientables. Como aperitivo, este mes recuperamos a intervención de María Martinón “A evolución humana a través da dentición“, do ano 2009, no marco do III Ciclo Ciencia e Sociedade (“Darwin 2009: a evolución 150 anos despois”).

  • .

    O blog Á marxe do tempo recupera o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia dende 1992 ata 2002 na columna «Á marxe», para que o lector teña a oportunidade de seguir o pensamento e a particular visión do mundo do escritor ourensán.

    .

  • .

    Sección onde damos conta de todas as iniciativas e actividades que se están desenvolvendo no décimo aniversario do falecemento de Carlos Casares. Esta semana destacamos o vídeo "Carlos Casares na Limia. Lembranzas", realizado polos estudantes do IES Rosalía de Castro de Xinzo de Limia.

    .

     
  • A Ledicia de Ler

    A sección de La Voz de Galicia na que Carlos Casares tratou dende 1975 temas literarios e lingüísticos e onde reseñaba as novidades editoriais da época. No apartado Documentos da Fundación recuperamos semanalmente os máis significativos e interesantes, para a súa consulta e desgarga de balde. Esta semana traemos un artigo sobre a obra ensaística de Valentín Paz Andrade A galecidade na obra de Guimaraes Rosa

    .

    .

  • Entrevista a Jorge Edwards en "V Televisión"

    Entrevista realizada por Fernanda Tabarés a Jorge Edwards, que participou nos I Diálogos Literarios do Gaiás.

    .

  • Conferencia de María Martinón (2009)

    "A evolución humana a través da dentición". Vídeo da conferencia do profesora María Martinón no marco do III Ciclo Ciencia e Sociedade (20 de maio de 2009).

    .

  • Publicadas as actas do Simposio Carlos Casares

    Celebrado en decembro de 2007 en Ourense, o Simposio reuniu a numerosos especialistas mundiais na figura de Carlos Casares. Xa están dispoñibles para consulta libre e gratuíta as actas do I Simposio Internacional Carlos Casares

    .

  • Videoresumo das actividades da Fundación en 2011

    Podedes ver aquí o vídeo de presentación cun resumo gráfico das actividades desenvolvidas pola Fundación Carlos Casares durante o ano 2011.

    .

    Actividades 2011 da Fundación Carlos Casares

    .

  • Arquivos

  • A actividade da Fundación está patrocinada polas seguintes entidades:
    Patrocinadores